Mapas de lugares literarios
Rosalía de Castro publica a súa primeira novela, La hija del mar, en 1859, con pouco máis de vintedous anos. A obra narra a historia da solitaria Teresa, cuxo fillo biolóxico é arrebatado polo mesmo mar furioso que, instantes despois, arroxa á terra a unha niña, Esperanza, á que Teresa adoptará e que medrará moi unida ao mozo Fausto. A vida de ambas, que discorre nunha cabana próxima a un pobo de pescadores, verase bruscamente alterada cando regresa Alberto Ansot, o home de Teresa, y as pecha nun pazo do que Teresa fuxe e Esperanza sae grazas a Lorenzo, o pai de Fausto. Pero a experiencia da reclusión trastorna á rapaza, que aparece anos máis tarde sometida aos coidados do médico Ricarder e do propio Ansot, quen, pese á súa aparente conversión, enseguida amosa a súa auténtica face egoísta e traidora. O axuste de contas de que é dobremente obxecto, por parte da súa primeira muller Candora, e por parte duns indianos aos que burlara, desencadea un desenlace tráxico ao que só Teresa sobrevivirá.
A novela contén os ingredientes básicos do folletín. Á forte carga emocional das pasaxes e os xiros imprevistos da acción únense os enigmas sobre filiacións e as súas correspondentes anagnórises, que sitúan a pregunta sobre a identidade no centro da obra. Pero, ao lado destes elementos un tanto repertoriais, La hija del mar destaca pola súa intensa carga intertextual que, aínda que se fai especialmente obvia no prólogo e nos epígrafes que abren cada un dos vinte capítulos que a conforman, materialízase tamén en todo o texto, mediante numerosísimos ecos explícitos e implícitos que traen a colación a Byron, Hoffman, Shakespeare ou Tasso.