O proxecto actual pode entenderse como un desenvolvemento do titulado “La proyección del lugar: Compostela en su imaginario geoliterario (1844-1926). Sistemas de Información Geográfica y Humanidades Espaciales” (FFI2013-41361-P). Agora, partindo da reflexión metodolóxica previa, sitúase o foco nun nodo conceptual básico dos estudos literarios e culturais: o que se empraza na intersección entre memoria, afecto e lugar. Defínese así unha conxunción disciplinar entre a xeografía cultural e literaria, os estudos de afecto, e os estudos da memoria. O obxectivo principal será o de afondar neste campo, cuxas implicacións teóricas, metodolóxicas e analíticas posúen un extraordinario interese. Para favorecer unha focalización adecuada dos esforzos do equipo, optouse pola obra literaria de Rosalía de Castro como corpus suficientemente diverso e extenso que servise de desafío, nunca de limitación, para as propostas analíticas e metodolóxicas que se espera desenvolver. Por iso, partirase da súa intensa variabilidade xenérica (novela, conto, ensaio, manifesto, poesía) e idiomática (español e galego). De igual modo, atenderase á súa contextualización nas formulacións coetáneas do espazo (privado, público, político), dos afectos e dos discursos sobre a memoria. Tanto a prosa como a poesía desta autora definen unha escritura intensamente topográfica na que os afectos desempeñan un papel fundamental. Por outra banda, a memoria é tamén un compoñente básico da súa escritura, a distintos niveis; e ela mesma foi convertida nun das máximas iconas da memoria cultural galega e, en distinto grao, española e europea.

Os resultados principais, que parten de análises de caso, apuntan á xeración de modelos, tanto teóricos como cartográficos ou diagramáticos, que poden suxerir claves trasladables a outros corpus e horizontes epistemolóxicos. A investigación arrinca da converxencia entre a xeografía cultural, coas súas proxeccións cartográficas e simbólicas, e os estudos contemporáneos sobre o afecto. A perspectiva achegada polo xiro afectivo é unha oportunidade para confrontar os métodos cualitativos e cualitativos de análises nas humanidades dixitais. Á súa vez, a análise da obra dunha autora tan relevante para a produción simbólica do espazo, e cuxo carácter bilingüe sitúaa nunha posición literariamente intersticial, propiciará unha revisión crítica do seu emprego na construción dunha memoria cultural, na que o uso dos espazos desde un punto de vista simbólico e ideolóxico resulta determinante.