Mapas de circulación literaria (1859)
En 1859 vía a luz, na imprenta Compañel de Vigo, La hija del mar, a novela coa que Rosalía de Castro debutaba no terreo da prosa de ficción. A obra caracterízase por un forte contido emocional, aprendido nas dinámicas folletinescas pero, tamén, noutros compoñentes presentes nas lecturas da nova autora.
Constaba de vinte capítulos, todos precedidos por citas extraídas de distintos escritores, na súa maioría estranxeiros, plasmadas en castelán ou en francés. Rosalía cita a catorce literatos: Karl Franz Van der Velde, Frédéric Soulié, Bernardin de Saint-Pierre, Smith, Góngora, San Juan de la Cruz, Victor Hugo, Goethe e Madame de Girardin aparecen citados unha vez; José Zorrilla, o bardo apócrifo Ossian, Lord Byron e Miss Cummins dúas veces e, finalmente, George Sand é convocada á fronte de tres capítulos.
Ademais de iluminar algúns aspectos do taller de escritura da autora, a identificación razoada das fontes exactas que empregou Castro proporciona datos empíricos que permiten bosquexar unha cartografía do estado específico de produción, mediación e circulación da literatura na Europa de mediados do século XIX. Este story map presenta algúns resultados da investigación realizada por Margarita García Candeira, que, co título “Sobre los epígrafes de La hija del mar (1859). Cartografía intertextual, circulación literaria e «imagen de autora» de la joven Rosalía de Castro”, verá a luz en Revista de Literatura.