“Orillas del Sar”
Preséntase aquí un caso paradigmático de representación e produción dun lugar, como é o que atopamos nun poema clave de Rosalía de Castro: o titulado “Orillas del Sar”, que constituía o arranque da primeira edición de En las orillas del Sar (1884), un volume carente de calquera outro prefacio ou introdución. Este poema, que funciona para todos os efectos como un poema prólogo, supón a introdución do e ao lugar que figura tan prominentemente no título da obra —case como unha inmersión performativa nel— e anticipa un ton emocional e afectivo que caracterizará o libro no seu conxunto. Coa axuda de mapas literarios procúrase mostrar a pegada dos lugares nos textos, pero tamén a capacidade destes para constituír culturalmente os lugares aos que remiten.